Friday 03 de May de 2024

José Luís García toma posesión por undécima lexislatura consecutiva como alcalde de Brión comprometéndose a aumentar o gasto social e manter o investimento produtivo


 

O alcalde tendeu a man a todos os grupos da oposición: “estou disposto a escoitar propostas e chegar acordos en todos os asuntos que beneficien aos nosos veciños e veciñas. E agardo atopar ese mesmo talante entre os grupos da oposición”

José Luís García García tomou esta mañá posesión como alcalde de Brión, cargo que ocupará por undécima lexislatura consecutiva dende que gañara as primeiras eleccións democráticas de 1979 (seis delas como independente e as cinco últimas como candidato do PSdeG-PSOE).

A mesa de idade constituíuse con José Luís García (PSOE) e Natalia Fariña García (PP). Tras votación a man alzada, José Luís García foi elixido cos 8 votos a favor dos concelleiros socialistas, fronte aos 3 rexistrados pola voceira do PP, María Fariña Bellón, e os 2 votos obtidos polo voceiro do BNG, Tito Souto Castiñeira.

Na súa primeira intervención como alcalde, Xosé Luís García amosou o seu agradecemento “a todos os veciños e veciñas de Brión pola súa participación nas eleccións do pasado 26 de maio, tanto aos que apoiaron maioritariamente a candidatura do Partido Socialista como aos que optaron por outras opcións políticas. Grazas tamén aos concelleiros e concelleiras do partido socialista pola súa confianza, así como aos funcionarios e traballadores municipais polo seu gran traballo que fai que Brión sexa hoxe un dos concellos mellor xestionados de Galicia”.

O alcalde brionés asegurou que “os piares sobre os que se asentaba o noso programa electoral son dende xa os eixos do noso programa de Goberno. Unha política sempre do lado dos nosos veciños e veciñas, sobre todo daqueles máis necesitados, aumentando o gasto social e mantendo o investimento produtivo, facendo todo o que estea nas nosas mans para fomentar a creación de emprego”. Falando de proxectos concretos, tres foron os compromisos adquiridos por García: “a posta en marcha do primeiro centro colaborativo do sector primario no centro comercial Monte Balado, para o que contamos co apoio da Deputación Provincial da Coruña; a pavimentación con aglomerado en quente de todas as pistas principais do municipio ao longo destes próximos 4 anos; e a construción dun auditorio municipal a carón da carballeira de Santa Minia”.

Así mesmo, José Luís García quixo tamén “tender a man aos grupos da oposición. O diálogo e a colaboración, aínda que sexa dende posturas discrepantes, serán sempre os eixos que presidirán o talante deste Goberno. Por iso, tendo a man aos grupos da oposición. Estou disposto a escoitar propostas e chegar a acordos en todos os asuntos que beneficien aos nosos veciños e veciñas de Brión. E agardo atopar este mesmo talante entre os grupos da oposición”. García, só pediu evitar “calquera tentación de caer na demagoxia ou na crítica destrutiva”.

Finalmente, o alcalde brionés tivo palabras de agradecemento para a corporación saínte “polo seu gran traballo realizado nos últimos catro anos. Especialmente, gustaríame destacar o labor feito por tres concelleiros históricos deste concello: Carme Rey, Xesús Quintela e José Pedro Cambón. Sodes o mellor exemplo no que podemos mirarnos os que hoxe tomamos posesión, especialmente aqueles concelleiros e concelleiras que se suman a esta tarefa por primeira vez”.

Composición da corporación

Deste xeito, a corporación brionesa queda composta do seguinte xeito (en negriña as novas incorporacións nesta lexislatura):

José Luís García García. PSOE
Pablo Lago Sanmartín. PSOE.
María Rosa Romero Fariña. PSOE
Carlos Noya Pereira. PSOE
María Guarina Rey Vázquez. PSOE
José Luís Sampedro Bouzas. PSOE
Yolanda Bouzas Alfonsín. PSOE
Sandy Marie Cebral Gómez. PSOE
María Fariña Bellón. PP
Waldo Carballo García. PP
Natalia Fariña García. PP
Fructuoso (Tito) Souto Castiñeira. BNG
Xosé Luís Penas Corral. BNG